22 de out. de 2013

Inauguramos exposición no Espazo EMAO: EMAO /Proxectos 2013



Proxecto: unha tarefa planificada que consiste nun conxunto de actividades que se atopan interrelacionadas e coordinadas; a razón dun proxecto é acadar obxectivos específicos dentro dos límites que impoñen un orzamento e un lapso de tempo previamente definidos. A xestión de proxectos é a aplicación de coñecementos, habilidades, ferramentas e técnicas ás actividades dun proxecto para satisfacer os seus requisitos.


Dentro das medidas implementadas no Plan de Normalización Curricular, iniciado na EMAO no curso 2008-2009, deseñouse, para o alumnado que remataba os seus estudos nas distintas especialidades, a opción Aula Aberta-Proxectos. Nela ofrecíaselle a posibilidade de desenvolver, durante un ano, un proxecto de carácter persoal no que plasmar as aprendizaxes e inquedanzas do seu paso pola especialidade cursada na Escola. Este proxecto individual --seleccionado previamente polo seu mestre/a, e supervisado por el/ela durante o seu desenvolvemento posterior en réxime de titoría-- pode ter un carácter investigador, creador, de afondamento nunha técnica ou nunha idea, de experimentación con novos materiais...


Na exposición que comeza o vindeiro venres, producida integramente pola EMAO, presentamos algúns dos proxectos dos/as alumnos/as que remataron os seus estudos no curso 2011-2012 e que, ao longo do presente ano, materializaron a súa proposta inicial, man a man co seu titor/a. Do proceso proxectual, recóllense aquí os resultados, os productos creativos ou artesanais, que representan o froito parcial, unha mostra especial, da experiencia e o coñecemento vivido nas aulas e obradoiros ao longo dos seus estudos.


Producción: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) 2013
Montaxe: Mestres/as da EMAO de Pintura, Debuxo, Escultura e talla en madeira, Serigrafía, CAIM Gaita, Artesanía en coiro, Cerámica, Deseño e encaixe de palillos. Axudante de montaxe: Alberto Couñago.

Imaxes durante a montaxe

Ningún comentario:

Publicar un comentario