31 de maio de 2013

O Novo Proxecto de Federico Fernández

Ilustracións de Federico Fernández

Federico Fernández, o noso mestre de debuxo, calaborou co proxecto Verkami no novo disco de Carles Pastor "Dies de Ràdio" no que pon música a algúns poetas de Valencia,  Francesc Mompó, Alba Àlvarez, Manel Alonso i Vicent Nàcher máis unha poetisa galega Miriam S. Moreiras. Aquí tedes máis información

30 de maio de 2013

JailART, Proxecto Cárcere

Marisa Codón Vega (pintura-perfeccionamento I da EMAO)
O Proxecto Cárcere convoca Arte Postal un proxecto internacional e aberto para que a antiga Prisión Provincial de A Coruña se converta nun Centro Sociocultural Autoxestionado, este é un edificio de gran valor patrimonial, arquitectónico e histórico, unha construción integrada como referente memorial no senlleiro espazo do faro de Hércules, declarado patrimonio da Humanidade pola Unesco. Traemos aquí esta noticia porque os alumnos de pintura da nosa escola están participando moi activamente nesta convocatoria. As obras formarán parte dunha exposición que se levará a cabo en 2013, ben dentro ou ben fora da prisión actualmente abandonada e en desuso. Tamén poderedes ver estas obras en http://jailartproxectocarcere.wordpress.com/
 
Herminda Riveiro Rodríguez (pintura-perfeccionamento II )



Marta Brea (pintura-iniciación)
Alejandrina Álvarez (pintura-perfeccionamento II)

Marisa Álvarez (pintura-perfeccionamento I)














29 de maio de 2013

Faladoiro Artesán no Centro de Artesanía Tradicional de Vigo sobre "A Recuperación da Tradición e a súa Adaptación ao Momento Actual"


Mañá xoves, 30 de maio, ás 20:00 h no Centro de Artesanía Tradicional (CAT) terá lugar un "Faladoiro artesán ", debate aberto no que partindo do tema proposto, conversar sobre distintos aspectos que atinxen á artesanía. Nesta ocasión, o asunto tratado permitirá coñecer a traxectoria dos ponentes, os seus inicios na artesanía do tecido, a súa evolución e empeño en adaptarse aos tempos actuais partindo da tradición nas técnicas e nos materiais empregados.

TEMA: "A recuperación da tradición e a súa adaptación ao momento actual"
PONENTES: María José Martínez e Rafael González Goyanes (artesáns téxtiles)
LUGAR: Centro de Artesanía Tradicional de Vigo, rúa Subida ao Castelo nº 10 
DATA xoves, 30 de maio
HORA: 20:00 h 

Tamén subimos a este blog o arquivo en formato pdf coa información da 2ª convocatoria para a presentación de traballos artesáns susceptíbeis de ser expostos no C.A.T. (Centro de Artesanía Tradicional). A Fundación Liste - Museo Etnográfico de Vigo no seu desexo de contribuír ao desenvolvemento da artesanía e co obxectivo de apoiar e promocionar o traballo do colectivo artesán, brinda un espazo no C.A.T. (Centro de Artesanía Tradicional) para expor os traballos seleccionados a través desta convocatoria. Este proxecto, bautizado co nome de “O Escaparate”, ofrece un espazo expositivo nas instalacións do C.A.T., situado no Casco Vello de Vigo, de xeito que o traballo deste colectivo chegue a un maior número de público.

II Festival Primavera do Cine en Vigo


 Dende o 29 de maio ata o 2 de xuño teremos posibilidade de contemplar, en tres salas diferentes (auditorio municipal, salón de actos do Marco e sala Vigovello), longametraxes, curtametraxes (de xénero documental e de ficción) e videoclips, suxeitos a un premio do público. Este ano, haberá como novidade unha sección de cine infantil, para destacar a potencialidade das películas como ferramenta educativa e de formación. Este é un festival de cine galego, deseñado como un encontro entre os creadores, as produtoras e o seu público. Tamén supón unha vía alternativa de exhibición nun momento en que o sector, o mesmo que outras actividades profesionais, pasa por unha situación delicada. Por iso, preténdese que o festival sirva para abrir un debate sobre a produción, distribución e exhibición en Galicia.

28 de maio de 2013

A Mostra "O Pergamiño e as Miniaturas na Idade Media" na Biblioteca da Escola de Artes e Oficios

Beato de San Miguel de Escalada - ca. 940-945

Desde mañá, mércores 29 de maio ata o venres 31, teremos na hemeroteca da Escola unha mostra titulada "O Pergamiño e as Miniaturas na Idade Media" organizada por José Antonio Puras Hernández coa colaboración do noso mestre de encadernación artística, Pablo Otero Pino. Esta mostra pódese visitar esta semana entre as 17 e 18 h. nela vense aspectos relativos a elaboración de manuscritos e miniaturas, vides observar miniaturas e pergamiño realizadas coas técnicas, instrumentos e modos da Idade Media. 
Como colofón a esta mostra, o venres 31 de maio ás 19,30, o profesor José Antonio Puras dará unha charla sobre como durante a Idade Media utilizáronse manuscritos e códices que tiñan como base un material que procede do pelexo duns poucos animais o pergamiño, como era o seu modo de elaboración, que instrumentos se utilizaban para escribir sobre el, as tintas coas que escribían, como se elaboraban, as tarefas dun copista, etc.

27 de maio de 2013

Actos en torno ás Letras Galegas no Marco


Mañá martes 28 de maio e o mércores 29, o salón de actos do MARCO acollerá dous actos relacionados coa celebración do Día das Letras Galegas: a proxección dun documental de Gonzalo Enríquez Veloso sobre Roberto Vidal Bolaño, e unha conferencia-coloquio en torno ás figuras de Rosalía de Castro e Vidal Bolaño, que estará a cargo de Uxía Blanco e Xavier Castro.

MARTES 28 maio, ás 19.30: Proxección do documental "Recuperando a Roberto Vidal Bolaño" de Gonzalo Enríquez Veloso (2013, 30’). Coprodución: Millo Filmes e Televisión de Galicia. Salón de actos. ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA.
MÉRCORES 29 maio, ás 19.30: Conferencia-coloquio "Rosalía de Castro e Roberto Vidal Bolaño: unha visión nos espellos do calexón do gato" con Uxía Blanco e Xavier Castro. Organiza: Concello de Vigo, Servizo de Normalización Lingüística. Salón de actos.  ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA.

26 de maio de 2013

XVIII Concurso Nacional de Peza Única de Burgos 2013


Convocado polo Colectivo de Artesanos de Burgos, Coarte. As obras seleccionadas mostraranse do 4 ao 16 de xullo na Sala de Exposicións do Teatro Principal, próximo a donde vaise a realizar a Feira de Artesanía de Verán (do 12 ao 21 de xullo no Paseo do Espolón). O concurso coincidirá tamén coa festas de Burgos, que terminan o 9 de xullo, o que facilitará unha maior difusión e afluencia de público.
Entregaranse dous premios, 600 e 400 eur, con diploma acreditativo. As pezas seleccionadas e premiadas serán devoltas aos seus autores. O prazo de envío de solicitudes termina o 9 de xuño.

22 de maio de 2013

Presentación do Libro "Los Paisajes De Tu Mano Izquierda", Xoves, 23 de Maio


Mañá xoves, 23 de maio, ás 20 h tera lugar a presentación de "Los paisajes de tu mano izquierda", será na librería Librouro, este é o segundo libro da prometedora poetisa Daisy Villalobos Leal e está prologado por J. M. Caballero Bonald recentemente galardoado co premio Cervantes. Anteriormente publicou "Pon labios en la hierba". Desde aquí desexámoslle moita sorte a Daisy.

Semana de Raku segundo Nigrán, do 3 ao 7 de Xuño

Foto: Federico Fernández
Xa queda menos para a Semana de Raku segundo Nigrán, do 3 ao 7 de xuño, 24 anos de Raku na provincia de Pontevedra. Esta actividade é froito da estreita colaboración da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e do Obradoiro de Cerámica Artística da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Partipan alumnos e ex alumnos de ambas escolas e poden asistir como público todas as persoas interesadas nesta milenaria técnica.
O Raku é unha técnica tradicional oriental de elaboración de cerámica utilitaria. É unha complexa alquimia onde interveñen os catro elementos (terra, lume, auga e aire) da cal resultan pezas únicas, sempre marabillosas.
Estas xornadas comezarán sobre as 17 horas e prolongaranse ata a posta do sol. 

Foto: Federico Fernández
Foto: Federico Fernández
                                                                                                        

21 de maio de 2013

Evolución Histórica do Edificio do Museo Provincial de Ourense



O musarqourense presenta o vídeo coa reconstrución en 3D «Evolución histórica do edificio do Museo Provincial de Ourense». Este filme reflexa os resultados das escavacións e investigacións que durante anos foron levadas a cabo no inmoble. O edificio coñecido como Pazos, Torres e Curral do bispo é un dos escasos exemplos de arquitectura románica civil conservada ao que se foron engadindo soportes representativos de cada tempo histórico. 

20 de maio de 2013

Presentación do libro "Arquitectura e Indianos na Cidade de Vigo e Bisbarra"

Casa Bonín (rúa Areal). Obra de Jenaro de la Fuente


Este xoves, 23 de maio, ás 19:30 h presentase na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno, 27. Vigo) o libro títulado "Arquitectura e indianos na cidade de Vigo e bisbarra"  que edita o Instituto de Estudos Vigueses, esta obra inclúe un completo estudo sobre a influencia das fortunas creadas pola emigración galega en América, os coñecidos popularmente como indianos, na arquitectura da comarca viguesa. O responsable deste extenso traballo é José Ramón Iglesias Veiga, doutor en Historia da Arte e membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses. Máis información

Próxima Exposición de Patricia Esquivas no Marco "Todas as Tradicións son Inventadas"


A exposición de Patricia Esquivias (Caracas, Venezuela, 1979) leva por título unha frase derivada dun dos máis influentes ensaios do historiador marxista Eric Hobsbawm, no que describe a orixe recente de moitas tradicións que permanecen na sociedade e que, non obstante, son produto da invención. A súa orixe pode ser máis ou menos rastrexable, pero todas teñen en común a súa relación co pasado e coa Historia, o elemento lexitimador.
Na súa proposta para o MARCO, Patricia Esquivias presenta unha selección de obras que utilizan a Historia como ferramenta para interpretala, deslexitimala ou para ficcionala, sen vontade de veracidade. Son pezas que abordan o tránsito do pasado ao presente, ou articulan narracións a partir de experiencias persoais e acontecementos históricos ou culturais, cuestionando os argumentos oficiais e as canles hexemónicas de transmisión do coñecemento.
Datas: 24 maio 2013 - 1 setembro 2013
Lugar: primeiro andar
Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00

Exposición de Liberata Freire na Capela do Hospital de Cangas

        EXPOSICIÓN DE: LIBERATA FREIRE
DO 24 DE MAIO AO 11 DE XUÑO DE 2013
CAPELA DO HOSPITAL-CANGAS  
Acto inaugural: venres día 24 de maio, ás 20 horas

16 de maio de 2013

17 de Maio "Día das Letras Galegas"


O 17 de maio é o Día das Letras Galegas que este ano está  adicado a Roberto Vidal Bolaño
Roberto Vidal cumpre este ano o décimo aniversario do seu falecemento, condición necesaria para a súa candidatura á homenaxe. A RAG, considerou a este autor como "imprescindible non só na nosa literatura, senón tamén na dramaturgia europea do último cuarto do século XX". O autor galego de 2013, falecido prematuramente, deixou un importante legado no teatro galego, en labores tan variados como autor, director, escenógrafo, actor e iluminador. Foi un "home de teatro", un personaxe esencial no desenvolvemento das Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (Ourense) e no labor do Centro Dramático Galego. As súas obras e o seu traballo, nos que se mostra un forte compromiso coa lingua galega, e un interese polo encontro entre experimentación e tradición, o popular e o culto, foron recoñecidas con numerosas distincións. Vidal Bolaño tamén destacou no mundo audiovisual de Galicia, coa súa participación en películas e series. 

18 de Maio de 2013 "Día Internacional dos Museos"


Dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) invita aos museos de todo o mundo a celebrar o 18 de maio o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. Nesta edición, 2013 o DIM ten como lema "Museos (memoria+creatividade)=progreso social".
Por este motivo, a Concellería de Cultura e Festas amplía o horario de apertura dos seus tres centros museísticos (Verbum-Casa das Palabras, Museo "Quiñones de León" de Castrelos e Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego") o sábado 18 e o domingo 19 de maio, de 12:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:00 h; ademais, contarán cun programa de visitas guiadas ás 12:00 h, 13:00 h, 17:00 h, 18:00 h e 19:00 h, cunha duración aproximada de 40 minutos. En total, serán dous grupos por cada hora, para un máximo de 30 persoas cada un deles, por orde de chegada. Por outra banda, o Museo Liste-Etnográfico de Vigo ofrecerá ás súas visitas guiadas que terán como eixo a función do museo na actualidade, o seu papel na educación non formal, como acolledor da identidade, ao tempo que importante vencello interxeracional.
Por último, o MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial o venres 17 (Día das Letras Galegas), sábado 18 e domingo 19 de maio, con actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que se mostran en salas.

Segunda Convocatoria para a Presentación de Traballos Artesáns dirixidos ao CAT "O Escaparate"


A Fundación Liste - Museo Etnográfico de Vigo, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, no seu desexo de contribuír ao desenvolvemento da artesanía e co obxectivo de apoiar e promocionar o traballo do colectivo artesán, brinda un espazo no C.A.T. (Centro de Artesanía Tradicional) para expor os traballos seleccionados a través desta convocatoria. Este proxecto, bautizado co nome de "O Escaparate", ofrece un espazo expositivo nas instalacións do C.A.T. (Subida ao Castelo, 10), de xeito que o traballo deste colectivo chegue a un maior número de público.
Para participar ábrese esta convocatoria na que serán seleccionados os traballos que reúnan as condicións necesarias para a súa exposición. Os artesáns interesados, terán que enviar, ata o 31 de maio, un dossier onde se recolla a súa traxectoria e onde se mostre o traballo que realizan. Unha vez seleccionados por un comité formado por técnicos, os traballos artesáns serán expostos durante o 3º trimestre deste ano nos espazos habilitados no C.A.T. para este cometido.

Concurso Internacional de Gravado Contemporáneo, Fig Bilbao 2013



Segundo Premio Internacional de Gravado Contemporáneo dentro de FIG Bilbao 2013, no que poden participar todos os artistas sen límite de idade e nacionalidade. O obxectivo do premio é dar un gran impulso ao gravado contemporáneo nas súas diversas formas e dar actualidade á tradición das Artes de gravado.
O premio é unha gran oportunidade para desenvolver unha colección permanente que será aloxada en museos e fundaciones internacionais, para difundir e mellorar o mundo do gravado contemporáneo. 
É unha iniciativa única no mundo do gravado, que busca o recoñecemento dos artistas, premiando a mellor obra de arte gráfico, convertendo a Bilbao nun centro europeo das Artes do Gravado. Seleccionarase a vinte participantes, cuxas obras serán expostas dentro do festival. Centrarase en obras de gran formato e realizados con técnicas mixtas de gravado.

Exposición "No Principio Foi o Verso. Rosalía de Castro" na Fundación Barrié

Foto: JESÚS DE ARCOS
A exposición "No principio foi o verso. Rosalía de Castro" reúne en Vigo documentos singulares, fotografías, obxectos persoais, mobles, obras de arte e montaxes audiovisuales en torno á autora de "Cantares galegos" que mostran non só o seu faceta literaria, senón tamén á feminista e á muller que comezou a reivindicar Galicia como centro do mundo. A exposición, comisariada polo diseñador e investigador Xosé Barro, pódese ver na sede viguesa da Fundación Barrié ata o 15 de agosto. O motivo desta é a conmemoración do 150.º aniversario da publicación, na imprenta viguesa de Juan Compañel, de Cantares gallegos, o libro que sinala o inicio, en maio de 1863, do Rexurdimento, o movemento reivindicativo da cultura e a lingua galegas. 

14 de maio de 2013

I Certame de azabachería Eliseo Nicolás



Do 31 de maio ao 2 de xuño, na Fundación Cardín en Villaviciosa (Asturias). Organizado por Azebache, Asociación para o desenvolvemento da tradición do Azabache en Asturias, está dirixido tanto a profesionais como a aprendices que traballen o azabache asturiano.
O certamen constará de:

- Exposición de azabachería
- I Concurso de azabachería Eliseo Nicolás
- Exposición e recoñecemento dos aprendices azabache


Todas as solicitudes e documentación deberán ser remitidas antes do 24 de maio, por correo electrónico. Bases completas

13 de maio de 2013

Papá non corras! Encadernado por Susana Rodríguez

Encadernación Belga con tapas de cerámica serigrafiadas
Fotos do exterior do libro Papá no corras!  que presentou Susana Rodríguez, antiga alumna de encuadernación artística, o ano pasado ao Concurso The Elizabeth Soutar Bookbinding Competition 2012.

Convocado o Certame "Novos Valores 2013" pola Deputación de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra convoca o certame  "Novos Valores 2013", con tres premios que suman 9.000€, poderán participar nestes premios todos os artistas (pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas, videocreadores, etc.) de calquera idade, naturais ou residentes na comunidade autónoma.
As obras deberán ser orixinais, e non se admitirán as que xa sexan expostas noutras mostras. Só se aceptará unha obra por artista en cada especialidade e quedan excluídos os que xa sexan premiados pola Deputación de Pontevedra nalgunha edición anterior deste ou outro certame. 
O prazo de recollida é do 28 de agosto ó 5 de setembro (ambos inclusive) do ano en curso, de 10:00 a 14:00 horas. O lugar de presentación é o Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra (rúa Padre Amoedo, s/n, Pontevedra 36002), persoalmente ou a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega. 

11 de maio de 2013

Imaxes da Conferencia "O Contexto Artístico de Emilio Fernández Rodal: as Claves da súa Pintura"


Onte, na hemeroteca da nosa escola, puidemos gozar dunha interesantísima conferencia a cargo de Beatriz De San Ildefonso Rodríguez, conservadora do Museo de Pontevedra, titulada "O contexto artístico de Emilio Fernández Rodal: as claves da súa pintura". O Acto contou tamén coa intervención de José Luís Mateo Álvarez, comisario da primeira exposición retrospectiva que se lle realiza a Fernández Rodal en Vigo desde ou seu finamento non ano 1972. Esta exposición pódese visitar na sala de exposicións da Escola de Artes e Oficios, Espazo Emao, ata o 6 de xuño, de luns a venres, de 19 a 21 horas.


10 de maio de 2013

Ata Pronto, Celeste!

Celeste con algúns dos seus alumnos de serigrafía artística
Onte pechouse unha etapa de Celeste Pena Cortegoso, mestra de serigrafía artística, na nosa escola, dende aquí desexámoslle boa sorte. Botarémoste de menos!
Aproveitamos tamén para dar a benvida a Alba Pardo que se reincorpora de novo despois do feliz acontecemento.

8 de maio de 2013

Lito Portela: ESPIÑAS COROADAS: inauguración en Vigo

Lito Portela ‘Espiñas Coroadas’ [Fundación Laxeiro]*
Venres 10 de maio de 2013 ás 20:00 horas

autor: Lito Portela
textos: Manolo Romón
música: Julián Hernández
edición e espazo: noncommon
comisariado: Carlos L. Bernárdez

Invitación documental 40”

* No terceiro andar da Casa das Artes, de Vigo

A Fundación Barrié Pon na Rede o Cancioneiro Popular Galego


A Fundación Barrié pon a disposición na rede o Cancioneiro Popular Galego, nesta web plásmase o traballo de investigación recollido e ordenado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina durante os anos 1980 a 1985 e que foi publicado polo servizo de publicacións da Fundación Barrié. A obra recolle un amplísimo traballo de investigación, que supón a máxima achega realizada ata o momento na área de coñecemento e conservación do folcklore musical de Galicia. Cada volume divídese nun tomo de melodías e outro de letras. O primeiro tomo contén unha introdución, as melodías, comentarios melódicos, notas bibliográficas, nómina de informantes, índice de localidades e mapas. O segundo tomo presenta os textos ordenados por temas e xéneros. Esta obra a podedes atopar na nosa biblioteca. As partituras e os audios do cancioneiro popular galego poden descargarse en http://www.fundacionbarrie.org/cancioneiro/ 

7 de maio de 2013

Este Venres na Hemeroteca a Conferencia "O Contexto Artístico de Emilio Fernández Rodal: as Claves da súa Pintura"


CONFERENCIA
O contexto artístico de Emilio Fernández Rodal: as claves da súa pintura
por
Beatriz De San Ildefonso Rodríguez
Conservadora do Museo de Pontevedra

O vindeiro venres 10 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo tera lugar á conferencia "O contexto artístico de Emilio Fernández Rodal: as claves da súa pintura", que impartirá Dna. Beatriz De San Ildefonso Rodríguez, conservadora do Museo de Pontevedra desde 1996, onde realiza traballos de catalogación, investigación, conservación, documentación e coordinación de exposicións temporais. Tamén é autora de numerosos traballos de investigación sobre artístas galegos dos séculos XIX e XX.
Esta conferencia emárcase dentro das actividades complementarias da exposición "Emilio Fernández Rodal (1912-1972). Retrato de Sociedade dun artista vigués". Esperámosvos!

Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Venres, 10 de maio de 2013 ás 19:00 horas

6 de maio de 2013

Master en Medios de Impresión Gráfica, Ilustración e Acuñación Artística


MASTER EN MEDIOS DE IMPRESIÓN GRÁFICA, ILUSTRACIÓN E ACUÑACIÓN ARTÍSTICA.
UCLM/FNMT - RCM. IV Edición. 
BECAS Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda
Preinscrición: do 17 de xuño ao 30 de agosto , 2013
A Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - RCM en colaboración coa Universidade de Castilla A Mancha, imparte nas súas instalacións de Madrid, un Máster en Medios de Impresión Gráfica, Ilustración e Acuñación Artística dirixido a Licenciados e Graduados en Belas Artes cunha duración de dous anos lectivos. O prazo de preinscrición abrirase o próximo mes de xuño e seleccionaranse un máximo de 8 alumnos para cada unha das súas especialidades (Gravado e Deseño Gráfico).
Os alumnos seleccionados serán bolseiros pola FNMT-CRM nun 90% do custo do Máster, así mesmo e dependendo do aprovechamiento, poderanse outorgar ata un máximo de 3 becas para realizar prácticas na FNMT. Máis información en www.uclm.es e en www.fnmt.es

III Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura

 
A Cidade da Cultura converterase por terceiro ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores novos terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecemento e ideas con outros axentes culturais. Será no III Encontro de Artistas Novos que se celebrará na Biblioteca e Arquivo de Galicia do 09 ao 13 de setembro
Coordinado por Rafael Doctor, o Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes galegos e procedentes doutros lugares, ademais de poñer en contacto aos participantes con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou art followers. 
O Encontro de Artistas Novos celebra un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Como novidade desta edición, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibilidade de que algún dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artística nas Torres Hedjuk do complexo, seguindo a estela de artistas xa consolidados como Pamen Pereira ou Ramón Conde, que xa fixeron desta infraestrutura un lugar dedicado á arte e á creatividade. 
 

2 de maio de 2013

Visita do Alumnado de Pintura da Emao á Exposición de Emilio Fernández Rodal

 

O alumnado de Pintura da EMAO, realizou diversas visitas á exposición de Emilio Fernández Rodal na sala Espazo EMAO, da Escola de Artes e Oficios de Vigo. A mostra serviu para facer un exame exhaustivo das técnicas de óleo in situ, o que permitiu ao alumnado tras diversas explicacións, coñecer de primeira man a reelaboración dun retrato desde o boceto ata o remate final da obra. Tras as explicacións propuxen un traballo de campo: escoller por parte de cada alumno e alumna a obra que lle parecera máis interesante e facer un comentario persoal sobre o estilo, a pincelada, a cor ou calquera outra reflexión que puideran aportar tras o visionado da obra elexida, para finalmente facer un debuxo do natural dos ollos do retratado que escolleron. O último día tivemos a fortuna de contar coa presenza do comisario da mostra, Xosé Luis Mateo, que nos impartiu unha charla sobre o artista, que resultou moi interesante.

                                                               Paula Mariño (profesora de pintura da EMAO)

VI Certame de Poesía Victoriano Taibo

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. Está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM.
Victoriano Taibo foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho, lingüista e escritor, publicou Abrente (1922), Da vella roseira (1925) e Da agra aberta, contos e lêndas (1956), reeditada agora polo IEM; Follas novas editou recentemente os seus poemarios Abicedo e Cabrinfollas.

"Infusións Musicais", Interacción entre Música e Pintura, Venres 3 de Maio no Café Bar A Pola


Venres 3 de maio, a partir das 20,30 h 
Interacción entre música e pintura 
no Café Bar A Pola (Paseo de Alfonso XII, nº 7. Vigo).

David Muñiz e Luís Baltar, son dous creadores vigueses que xuntan as súas forzas para facer unha colaboración artística, establecendo un diálogo entre música e pintura. A súa intención é profundar máis na esencia da arte, establecendo así unha ponte entre diferentes disciplinas artísticas, de forma que a obra de ambos se enriqueza e complemente mutuamente.
Baixo o título de "Infusións musicais" os dous artistas pretenden levar a cabo un acto no que música e pintura interactúen entre si ao mesmo tempo, como nun diálogo.
Trátase dunha invitación ao espectador para que penetre nun mundo novo de sensacións, e motivado polo son e a cor, chegue a conectar coa esencia presente en todo acto creativo.