27 de xuño de 2016

Exposición “Castrelos, 800 anos de arte románica: unha visión contemporánea” no Espazo Emao


O xoves 30 de xuño ás 19:00, inaugúrase na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, a exposición "Castrelos 800 anos de arte románica: unha visión contemporánea"

A arte románica en Vigo ten data: 1216. É o ano da construción da Igrexa de santa María de Castrelos, un dos exemplos mellor conservados do románico rural galego. No ano que andamos cúmprense, pois, os 800 deste monumento. Con este motivo, o profesorado e alumnado da Escola de Artes e Oficios de Vigo acordaron, a comezos do curso 2015-2016, adicar a esta efemérides a exposición do proxecto colectivo que pecha este ano académico.
Quíxose, con esta elección, facer un recoñecemento, unha conmemoración dende a contemporaneidade, desta arte; pero tamén un irmanamento: a Escola de Artes e Oficios de Vigo cumpre, neste 2016, cento trinta anos de idade: complicidades de respectables centenarias institucións. 

Referenciada nese precioso momento da historia da arte que representa Castrelos, esta exposición é o resultado dunha visita consciente, necesaria e creativa ao noso pasado; a plasmación dunha visión que, dende este centro educativo adicado á formación en oficios artísticos, se quere proxectar sobre o espectador, chamándoo ao recoñecemento, á valoración do propio, a lér a Historia dende o presente, a decatarse do fío que conduz á Artesanía e á Arte dende o pasado medieval ata a actualidade.

A Mostra -a partires da proposta temática feita polo profesorado en cadansúa aula para ser exposta á fin do curso- materializa esa visita e reflexión colectiva, esa visión admirada do noso alumnado a un elemento tan relevante do noso patrimonio cultural, coa conciencia de que a igrexa románica de Castrelos debe ser re-coñecida e valorada pola cidade. As obras que se exhiben concretan así os principios de interdisciplinariedade, excelencia técnica e creatividade que figuran como base do proxecto formativo da Escola.

A dirección do alumnado e da montaxe de cada unha das obras expostas, correspondeu ao profesorado de cada especialidade participante. Na exposición, producida integramente pola EMAO, participan con obra propia colectiva os obradoiros de Debuxo (profesor: Federico Fernández), Cerámica artística (profesor Miguel Vázquez), Serigrafía artística (profesora Alba Pardo), Pintura (profesora Paula Mariño), Talla e escultura en madeira (profesora Rosa García), Ourivaría (profesora Sandra de Jesús), Deseño e encaixe de Palillos (profesora Marian Núñez), Artesanía en Coiro (profesor Pepe Pereira), Luthería antiga (profesor Ramón R. Casal) e Construción de Gaita (profesor Carlos Corral).

O acto da inauguración iniciarase coa interpretación musical de dúas pezas da lírica medieval a cargo de Paulina Ceremużyńska e Carlos Castro.

Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 30 de xuño ao 30 de xullo e do 1 de setembro ao 14 de outubro de 2016
Inauguración 30 de xuño de 2016 ás 19:00 horas
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas 

Ningún comentario:

Publicar un comentario