20/02/2017

Exposición no Espazo EMAO: #handmadenothomemade (coiro: cor e volume)


#handmadenothomemade
(coiro: volume e cor)

Esta mostra aporta un novo momento expositivo na serie iniciada pola especialidade de Artesanía en Coiro da EMAO en 2013 con 100x100 Coiro e, en 2015, con Coiro, aínda que non o pareza. Con estas exposicións, sitúase a aprendizaxe da Aula de Coiro da Escola, no contexto global desta artesanía, poñendo en contacto ao alumnado e ao público en xeral cos mestres relevantes de España e doutros países.

Toma o seu título do hashtag usado polo artesán Oliver Aulus (Alemaña) para definir o seu traballo: #handmadenothomemade, que poderiamos traducir como “feito a man, non feito na casa”. Con este título quere sintetizarse a idea coa que cada día traballamos na nosa Escola: a transmisión do coñecemento dos oficios, respectando a tradición, a orixinalidade e a calidade.

O obxectivo xeral da exposición é amosar, con traballos de primeira liña, a cor e o volume no traballo en coiro. As pezas distribúense en catro seccións:

* Obras de artesáns e artistas internacionais: pezas procedentes de catro continentes, elaboradas por artistas e artesáns de máxima categoría no panorama internacional. Son obras escollidas persoalmente polo comisario da exposición, seleccionadas pola súa calidade e capacidade para ilustrar as técnicas e efectos de volume e cor no traballo de excelencia neste material.

* Coiro a distancia: para a elaboración das pezas que se expoñen nesta sección, solicitouse a varios artistas e artesáns en coiro de primeiro nivel nacional e internacional (Suiza, Francia, Alemaña, Estados Unidos, España) a súa colaboración: a cesión dun deseño propio a un alumno ou alumna da EMAO que, unha vez producido materialmente por este/a, exponse xunta co deseño orixinal.

* A terceira parte da Exposición é o resultado da colaboración entre a EMAO e o Museo Al Stohlman de Fort Worth (Texas, USA), xestionado pola empresa Tandy Leather Factory, que, ademáis da cesión de obras da súa colección permanente, farase cargo da visita a Vigo dun dos seus principais mestres artesáns, Jim Linnell, artista de referencia para o mundo da artesanía do coiro a nivel mundial.

* O Muro: unha peza colectiva realizada polo alumnado da especialidade que comezou no presente curso: un muro construido de tixolos de coiro aportados por cada un.

Comisario: Pepe Pereira, mestre de Artesanía en Coiro da EMAO
Coordinación: Rafael Ojea, técnico do Concello de Vigo
Cartel: Marian Núñez, mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Axudante de montaxe: Alberto Couñago
Colabora: Tandy Leather Factory

Lugar: Espazo EMAO. Edificio Anexo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (entrada polas rúas Rosalía de Castro e Pontevedra).
Datas: do 23 de febreiro ao 7 de abril de 2017
Horarios: de 19:00 a 21:00 horas, dias laborables

Ningún comentario:

Publicar un comentario