22/06/2017

Exposición: "Proceso público" (Proxecto EMAO 2017)

Exposición: "Proceso público" 
(Proxecto EMAO 2017). Catálogo

Esta exposición insírese na programación do Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo) que contempla a realización dun proxecto expositivo singular ao remate do curso académico. Esta proposta racha coa clásica exhibición de traballos individuais do alumnado, para adentrarse no eido da transversalidade e o traballo creativo e artesano en común entre alumnado e profesorado como unha tarefa paralela á propia da aprendizaxe nas aulas e talleres. O resultado que se exhibe ten a súa orixe nas posibilidades expansivas dunha soa idea xeradora para todas as especialidades da Escola que, de forma aberta, constrúen pezas derivadas e artellan unha montaxe específica para amosalas.

Nesta ocasión, a idea xeratriz planteada como reto aos talleres foi a de Proceso público. Entendeuse esta idea baixo dúas premisas: darlle valor aos procesos de construción que se levan a cabo para crear as distintas obras e establecer a relación das obras co espazo público e a intervención sobre el.

Destes dous elementos de partida, cada especialidade levou ao seu terreo a proposta Proceso Público cun resultado variado e extenso: hai obras que integran o significado literal do título da exposición, outras amosan e céntranse no proceso de construción (despeces, pasos construtivos, ferramentas, resultados e obxectivos ...) e outras son construídas especialmente para intervir e dialogar co espazo público.

A maior parte das obras expóñense dentro no Espazo Emao e outras, ademais de ter representación na sala, interveñen sobre distintos espazos públicos. Son a peza de Debuxo construída para o aparcadoiro de bicicletas da Rúa Pontevedra, a de Deseño e encaixe de palillos instalada no vestíbulo da escola, porta principal, ou a de Serigrafía que invade e dialoga co público no vestíbulo da propia sala de exposicións.

A exposición, como é habitual na nosa programación, está producida integramente pola EMAO, poñendo en valor os seus recursos persoais e materiais nunha nova demostración da capacidade da institución de realizar e expoñer productos de alta calidade. No labor expositivo anual da EMAO plásmanse materialmente os obxectivos de excelencia técnica e creatividade que figuran como base do proxecto formativo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 30 de xuño ao 15 de setembro de 2017 (agosto pechado)
Inauguración 30 de xuño ás 19:30 horas
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas

Créditos:

Comisariado: Sandra de Jesús e Emma González, mestras da EMAO de Ourivaría e de Moda
Coordinación xeral: Rafael Ojea, técnico do Concello de Vigo
Produción e deseño: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) 2017
Cartel: Federico Fernández, mestre de Debuxo artístico da EMAO
Montaxe: Mestres/as e alumnado da EMAO de Cerámica, Moda e confección, Ourivaría, Debuxo, Talla e escultura en madeira, Serigrafía, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos, CAIM (Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais) de Luthería, Gaita e Zanfona
Axudante de montaxe: Alberto Couñago

Ningún comentario:

Publicar un comentario